A Cañiza celebra un Encontro Poético no Mes das Letras Galegas
Corenta artistas da palabra déronse cita nun acto organizado por Diego de Giráldez
No marco das celebracións do Día das Letras Galegas, o Concello da Cañiza acolleu o pasado sábado un Encontro Poético organizado polo recoñecido artista local Diego de Giráldez, coa colaboración da administración municipal. O evento congregou a arredor de corenta poetas procedentes de diversas localidades de Galicia, así como doutras partes de España e Portugal, para compartir un recital poético que rendeu tributo á lingua galega e á cultura do país.
A actividade comezou ás 18:00 horas cunha xuntanza na Praza Maior, diante do Museo Casa Cuartel de Encontro coa Arte, espazo expositivo do propio Diego de Giráldez. A continuación, o Alcalde da Cañiza, Luis Piña, recibiu ás e aos participantes nas portas do Concello, dando inicio ao
O acto contou coa participación destacada da escritora tudense Carmeliña García Pereira, quen abriu e pechou o encontro cunha interpretación das súas composicións. Así mesmo, o cantautor Xosé Duarte, de Vilagarcía de Arousa, aportou música ao recital, interpretando poemas con acompañamento musical.
Na súa intervención, Diego de Giráldez expresou o seu agradecemento ao Concello polas facilidades ofrecidas e ás persoas asistentes pola súa presenza nunha xornada marcada pola choiva pero chea de emoción.
Como colofón, realizouse unha visita á Casa Museo Diego de Giráldez, onde o público puido coñecer os cinco andares e os 1.500 metros de exposición da súa obra, percorrendo as distintas etapas e evolucións do seu traballo artístico.