Xesús Alonso Montero reflexiona sobre poesía e a sociedade no cancioneiro popular galego
Tamén puxo en valor a figura de Diego de Giráldez, veciño do municipio, artista, pintor, escultor, anatomista de recoñecido prestixio e Fillo Predilecto do Concello, agradecéndolle expresamente o seu traballo e o seu compromiso coa difusión da cultura e do patrimonio literario galego.
Tras a presentación do Alcalde, tomou a palabra Diego de Giráldez, principal impulsor deste acto, quen mantén unha fonda relación de amidaze co autor, como así o expresou durante a súa intervención, poñendo en valor o profundo traballo do autor durante toda unha vida adicada ao estudo do noso patrimonio lingüístico.
Tamén se destacou o amplo labor investigador de Alonso Montero, recoñecido polos seus estudos sobre figuras fundamentais da literatura galega como Rosalía de Castro, Curros Enríquez, Castelao ou Celso Emilio Ferreiro.
A continuación, Xesús Alonso Montero presentou a súa obra Poesía e sociedade no cancioneiro popular galego (Editorial Galaxia). Nela analiza a tradición poética popular desde unha dobre perspectiva: a artística e a sociohistórica. O escritor salientou o valor estético destas composicións e tamén o seu papel como documento social, lembrando que boa parte delas foron creadas ou recreadas por mulleres dos estamentos máis humildes, que transmitiron esta memoria cultural ata os nosos días.
A intervención de Alonso Montero permitiu achegarse dun modo claro e próximo ao sentido profundo do cancioneiro popular, entendido como expresión poética pero tamén como parte esencial da historia social de Galicia.