jueves, 31 de enero de 2008

Realidade interpretativa en Diego de Giráldez. Por Francisco Fernández del Riego.

Pensamos que o logro da obra artística está por riba do material, do superficial. Como home o artista participa das continxencias que no seu seo ferven, se encrespan, estouran. Pode un artista manterse á marxe das inquietudes sociais e ser un gran artista. Pero pode sentilas. Sempre será preferible para o home e para o artista sentir as inquietues da vida. Póren, o artista non pode obrigarse " en arte" a nada. Pode, en troque, el mesmo a todo se o fai con nobre entusiasmo e alta fé.
...........Giráldez dá á súa obra un sentido. Senón non valería a pena describila. Ora esa obra bela fórmana unha realidade artística e non didáctica. Neste último caso xa non sería obra de arte. O pintor precura na realidade que o rodea unha interpretación propia. O seu arte quere ser arte traducido nunha persoal visión. Tenta presentar, non recomendar. Vivifica e non argumenta. Eleva e non aconsella.
...........OO crear é de seu o testemuño dunha actitude que o labor pictórico de Giráldez sabe definir. Non se cre obrigado a converter a súa obra en instrumento. Por iso mesmo resulta un verdadeiro creador. O seu arte quere ser arte sobre todo, ante todo. As sensacións, as situacións que reflicte, as imaxes que trata, amosan o certo simbolismo. Unha realidade ás veces fabuladora.
............. Hai en todo caso nesta pintura de Diego de Giráldez, un determinado xeito conceptual. Unha técnica que lle sirve para ofrecer a realidade ollada, en moitas ocasións con visión poética. Parécenos que tras desa realidade alenta, asemade, unha maneira específica de interpretala. En definitiva, a pintura do artista revela o xogo de presencias que hai xa tempo engaiolaron a nosa atención. Porque, ao noso entender , Giráldez é un pintor de innegable calidade. Un pintor que olla a realidade como é, e como existe no seu xeito tan persoal de interpretala.
FRANCISCO FERNÁNDEZ DEL RIEGO
Escritor e presidente da Real Academia Galega