domingo, 10 de mayo de 2009

DIEGO DE GIRÁLDEZ, POR FRANCISCO FERNÁNDEZ DEL RIEGO.

Falo da obra dun pintor singular.Este artísta fai un atraemento na miña sensibilidade co a arte plástica. Neste aspecto o primeiro que se nos ocurre salientear é a fonda compenetración do artísta cos seus temas. O xeito con que Diego de Giráldez cingue as formas e axusta os ambientes con rigor. Tamén como a súa misión artística tenta reflectirse na propia identidad, no estilo propio, na congruencia epocal.
O pintor atinou a aprender a esencia e beleza das cousas, cun peculiar realismo poético. Revela nas súas creacións non só oficio, senón necesidades referenciais. En calquera caso trátase dun creador orixinal, dotado da profunda individualidade.
Ao noso ver, hai nos seus cadros unha esixencia por atopar depuración na linguaxe, unha eficaz elocuencia na expresión.
Nas pinturas de Diego de Giráldez, asómase con características pictográficas uns galos na feira, en equilibrio de forzas, ou no galiñeriro; paxaros reproducindo o ser vivo; un can como reflexo da observancia da natureza. Logo, bodegóns, retratos historiados, planificacións, sombras de transparecia vital, anatomismo, alegorías...
Proxecta o artista na súa obra, un especial simbolismo orientado ao feito plástico por unha banda, pola outra, a unha sorte de lectura imaxinativa, mesmo plástica. Fóra da plasticidade das figuras, obxectos e animais, atópanse na producción de Diego de Giráldez, atinadas referencias ao mundo rural de Galicia. En moitos casos amosan as obras un fondo de intemporalidade e misterio.
Pintor lírico as mais das veces, significativo e anovador, non xoga con figuras dalgún xeito recoñecibles, senón coa imaxinación. Hay nelas un mergullo antropolóxico alen dos rostros. O espido ocupa tamén unha parte da obra. Desenvolve nos cadros, o autor, a interpretación persoal do que ollou, coa maior intelixibilidade posible. Nótanse neles os exemplos que coñece e as leccións que asimilou. Embebeunos con capacidade en ámbolos dous sentidos, para que se reflexase na obra o latexo da propia personalidade.
A vida de Diego de Giráldez é a dun artista que se fragmentou en diversos xeografías. O sentido particular que o califica ven ser a posibilidade dun estilo e dunhas formas que reflecten un concepto de pintura expansible e universal. Non depara no seu arte sorpresas esmiatadas. Sen se exaltar con cobizas descomunais, dinos a súa palabra con voz e acento de seu.
Moitos pintores de toda clase enloian-nos por un determiando lirismo nostálxico e ensoñado. Un lirismo que envolve as súas produccións en sinalamentos fuxitivos de dicción. Coa pintura de Diego de Giráldez, pasa o contrario. Non é un trapolin para botar a voar a imaxinación, amoreando accidentes e detalles sobre a visión que nos dá. Non hai nela buraco por onde poda coarse evocanza ou ensoño.
Resucita o artista, con aplicado inxenio, tipos, luces e sobras, abstración e naturezas. Pon á contribución dotes de "operador" co maior rendemento. Persigue as calidades e os valores con acerto. Enfoca os temas con sensibilidade directa. Tradúceos con idoneidade, acadando a bela armonía. Atento observador, habelencioso realizador, produce un arte moi seu, sin se perder en tresleadas fantasías e sotilizas vás.
Parécenos que o debuxo que se agacha tras da pintura é un debuxo acusado en trazo e arasbeco. As cores das que o pintor se vale, escuden oxogo feiticeiro ou violento. Viste as obras no máis dos casos, de negro e de branco. É nesa gama baixa onde fixa as súas romas. Por iso pudo advertir Ramón Faraldo que as xornadas do artista veñen se como se comenzasen co solpor e traballase coa lúa chea. E que se esvairan definitivamente coa alba...

FRANCISCO FERNÁNDEZ DEL RIEGO
Escritor y Presidente de la Real Academia Gallega.