viernes, 6 de junio de 2008

DE DIEGO DE GIRÁLDEZ A CUNQUEIRO- POR XOSÉ FRANCISCO ARMESTO FAGINAS.

" O sorriso de Diego é o sorriso dun neno. O sinal de festa na cara de alguén que saúda o que de bo atopa diante dos seus ollos. Nin as barbas que deixa medrar poden disimular esa nenez que sempre houbo nel. Manter co paso do tempo a condición de neno non é calquera cousa. E unha maneira de vivir a primavera dun xeito permanente, aínda que por fora haxa outonos e anuncio de invernos.
Nunha gran parte da pintura de Diego atopan realismo moitos críticos, de gran sona algúns deles. Xa que logo, alguén, coma min, que non exerce aquela función, endexamais replicará, por ousada que sexa a ignorancia á exposición dos entendidos. Pero concédaseme a licencia de engadir que, por realista que sexa a visión do mundo, nalgúns dos cadros de Diego de Giráldez, realismo e imaxinación son alementos que camiñan parellos. No reino animal que, como Noé, Diego de Giráldez salva para nós, xente neste caso de vivir urbano, está a recreación dese neno con a capacidade de sorpresa que habita nel.
Alvaro Cunqueiro, en tanta cousas mestre, que tivo tamén moito de neno grande,foi un dos primeiros que celebrou a pintura de Diego de Giráldez. Atopo moitas cousas en común entre ámbolos dous, por exemplo -algo non cativo- o amor polas pequenas cousas, a ledicia, poño por caso, ó sentir o canto dun paxaro, ou dun galo, coma que escoita a voz do mestre solista dun gran coro. O escritor mindoniense imaxinou o discurso de San Francisco ós peixes, asemade ás pombas...polas razóns expostas, ninguén mellor que Diego de Giráldez para ilustras esas franciscanas páxinas.
XOSÉ FRANCISCO ARMESTO FAGINAS
Ex-director del Museo de Vigo, periodistas, Escritor y Director de la Universidad Popular deVigo.