sábado, 31 de mayo de 2008

SUSTANCIA E CAMBIO NA PINTURA DE DIEGO DE GIRÁLDEZ- POR CARLOS CASARES.

Non recordo ben, pero a primeira vez que tiven coñocemento da obra de Diego de Giráldez debeu de ser a principios dos anos oitenta, nunha exposición colectiva que vin en Vigo, quizais na Caixa de Aforros.
Daquela, chamoume a atención que fose un pintor un pouco en contra das modas do momento. Tal vez por eso me fixei nel con maior interés.
Sorprendeume que misturase elementos de tipo realista con outros claramente superrealistas. Logo souben que esa era, en parte, a estética que el defendía.
A partir de entón, teño seguido con atención a súa obra, hoxe coñecida e valorada tanto dentro como fóra de Galicia. Creo que non cambiou demasiado desde aquela, o cal non o digo como reproche ou como crítica, senón como mérito.
Normalmente, un artista, o mesmo un escritor que un músico ou un pintor, cambia pouco ó logno da súa vida. Máis aínda, pódese decir que non cambia en nada substancial, por máis que poida evolucionar moitísimo nas formas ou no estilo, que adoitan ser accidentais ou intranscendentes. A noz o cerne son sempre os mesmos.
En Diego de Giráldez, o mundo que nos fala hoxe nos seus cadros é idéntico agora a aquel do que nos falaba hai case vinte anos. Pensemos, por exemplo, nos galos e as galiñas, as ouvellas e os carneiros ou nas pombas e as froitas, por referirnos só a algún dos elementos máis recurrentes. Outro tanto se podería dicir desas figuras en miniatura que aparecen, ás veces, como unha sorpresa, en calquera recuncho das súas obras. Eso, polo que toca ó plano dos significados.
En canto ó plano das formas, por entendernos na utilización dun termo convencional, segue amosando agora, igual que hai anos, idénticas predileccións cromáticas . É dicir, a mesma inclinación cara ós brancos e os negros, que tan brillantemente se conxugan nun dos seus mellores cadros, o titulado " A paz", do ano 1995.
Os cambios producíronse seguramente nun plano menos importane e decisivo, como son os recursos formais. É probable que os primeiros cadros que eu vín, alá a principios dos anos oitenta, como dixen, fosen máis barrocos, incluso máis expresionistas. Neste sentido, penso que houbo unha evolución.
Estas evolucións, en xeral, nos bos pintores cosisten nunha mellor aprendizaxe da técnica, por un lado, e nunha adaptación máis cumprida destas ó mundo que se quere desvelar. Só cando coinciden ambas as dúas cousas, a saber, a realidade representada e a forma en que se representa, podemos falar de acerto expresivo.
Conseguido este, o pintor é dono do seu mundo e da súa obra. Estou convencido de que Diego de Giráldez chegou a ese estadio e que agora pinta con máis libertade. É a libertade que a un creador lle dá sempre a seguridade na utilización dunha técnica que emprega con naturalidade igual que non somos conscientes de que respiramos tantas veces por minuto ou que vemos a
través dos ollos ou que os moventos da man obedecen a complexísimas secuencias de tipo neuronal.
Chámame a atención que a crítica se teña fixado máis nos aspectos externos da obra deste pintor que nos internos ou esenciais. Con frecuencia, o acento póñeno no realismo, que para min é como a pel que envolve a carne que está debaixo. Esa parte é inequívocamente poética, ou sexa misteriosa. E o misterio na pintura de Diego de Giráldez, ven do mundo dos soños.
Por eso a min me parece que a sua obra é superrealista.
O realismo é aquí simple cortesía, amabilidade do pintor para o espectador. Sobre esa de boa veciñanza edifica el o carácter onírico da súa pintura. Creo que é esa a parte da visión da realidade que nunca cambiou. E que xa non poderá cambiar.
CARLOS CASARES
Escritor y Presidente do Consello da Cultura Galega.