miércoles, 23 de julio de 2008

O PRESIDENTE DA XUNTA PARA O LIBRO DO PINTOR DIEGO DE GIRÁLDEZ.- POR MANUEL FRAGA IRIBARNE

O pintor Diego de Giráldez naceu no concello pontevedrés de A Cañiza no seo dunha familia navegante e, dende mozo, interesouse polo estudio e a aprendizaxe dos diversos eidos artísticos. Naturalmente dotado para o debuxo e a pintura e armado dun tesón e dunha constancia admirables, estas cualidades fixeron de Giráldez un artista singular, portador dun característico xeito creativo e dunha persoal visión do mundo e da vida.
Diego de Giráldez coñece ben a historia da pintura. No seu traballo aprécianse influencias que nos remiten á obra de grandes mestres de tódalas épocas, e nas súas obras están presentes algunhas correntes artísticas fundamentais para comprende-los momentos actuais, como son a nova figuración, o neosimbolismo ou o surrealismo . O sólido manexo das técnicas e das ferramentas, combinado cunha especial sensibilidade temática, produce nel auténticos e valiosos resultados cos que o artista pontevedrés fai realidade o vello aforismo de unir beleza e idea. A súa obra transmite, ademais, unha gran plasticidade dentro dun complexo código de símbolos e signos, para suxerirnos numerosos matices dende unha idealizada visión da pintura.
Estamos, pois, fronte á obra dun profundo coñecedor dos alicerces, fronte un artista con oficio e con fervente capacidade creativa, algo que nos conduce á esencia do home, á plasticidade do tempo e do espacio.

MANUEL FRAGA IRIBARNE.
Presidente da Xunta de Galicia.