sábado, 8 de noviembre de 2008

A PINTURA DE DIEGO DE GIRÁLDEZ - POR MANUEL FORCADELA.

Sempre existiu un posible encontro entre a pintura e a poesía: a imaxe. Reducidas a ese humilde pero esencial territorio, as dúas artes son o mesmo. Por debaixo das distintas opacidades técnicas, das combustións cromáticas ou verbais, xace sempre unha imaxe.
Non creo no fetichismo das obras orixinais, dos obxectos pictóricos valiosos. Creo no poder das imaxes. O poder dun poeta, como o poder dun cadro, radica no encontro visionario dunha asociación audaz, na protestade de lograr infundir as cousas un significado que, anteriormente, non tiñan pero que, a partir dese momento, xa vai definitivamente ligado á palabra. Por iso os poetas reinventan a linguaxe, porque conseguen que a relación entre significantes e significados, esa relación que Saussure definía como arbitraria, se contaxie da presencia omnipotente da realidade. Todo significa todo, poderíamos dicir. A linguaxe como eixo central do simbólico lacaniano é a encargada deconverter o real no imaxinario.
Os artistas, tanto os poetas como os pintores, teñen a obriga de alterar esa relación, felizmente lóxica, entre o real, o simbólico (a linguaxe) eo imaxinario. De súpeto un cabalo amañece no cadro e leva un aparello de radio pendurado do pescozo; tamen unha nube con forma de avión vai deixando un ronsel de fume sobre o ceo. Magritte foi maxistral neste tipo de construccións. Demostrounos como calquera cousa pode servir para representar calquera outra. Unha rúa empedrada é, de súpeto, igual á torre dunha fábrica; o ceo pintado nun cadro sobreponse ao ceo que olla o pintor a través da súa xanela.
Creo que o valor central da pintura de Diego de Xiráldez é xustamente o de estar construida sobre a imaxe. A figuración aílla e singulariza os obxectos estrañándoos, facendo que os percibamos nun entorno diferente, nunha ensoñación que encontraría a súas raíces no surrealismo. O mundo onírico está agachado en cada unha das imaxes, as asociacións son arbitrarias e procuran encontrar o seu significado. Poñamos este obxecto á beira deste outro. ¿qué sucede? Pois unha imaxe dun espacio e dun tempo. Inevitablemente tornarase extravagante, utópica e intemporal.
Velai está o enigma. O mesmo enigma que está en cada cousa, porque a realidade é, en si mesma, inatinsible, aínda que na frecuencia dos nosos diarios encontros remate por converterse en vanal. Por iso esta pintura nos devolve o enigma das cousas. A fascinación de podernos ficar extasiados no puro ollar. Porque a ollada non e máis que coñocemento. E O coñecemento fundaméntase na indagación, fermosa palabra. In, dentro. Dagación, daga, dardo, bisturí. Abrir as cousas por dentro a base de miradas. O externo como inevitable mensaxe do interior.
Celebro os triunfos deste valor en alza da pintura galega que se chama Diego de Xiráldez e brindo pola continuidade feliz dos seus achados, nesta súa singular arqueoloxía das cousas..."

MANUEL FORCADELA.
Profesor de Literatura y Lengua, Escritor y Poeta.

Galicia.